Thursday 28 de March de 2024

O Concello elixe as imaxes que ilustrarán o “Calendario Municipal 2021”


Representantes de distintas forzas políticas escolleron xunto a fotoxornalistas da cidade as doce fotografías que acompañarán graficamente cada mes do ano que vén e que se completarán con outra ducia de instantáneas históricas

O Concello conformou xa o novo “Calendario municipal 2.021”, despois de que o xurado se reunise esta mañá para elixir as doce estampas que van acompañar graficamente cada mes, xunto con doce históricas da cidade. Representantes das distintas forzas políticas como a alcaldesa Inés Rey, os concelleiros Francisco Jorquera e Roberto Coira e mais a concelleira Claudia Delso decidiron xunto aos fotoxornalistas Víctor Echave e César Quián a imaxe que figurará na portada, unha obra de Jesús Rama Cabeza. As outras persoas gañadoras foron Ana Ruiz Amigo, Jonathan Rodríguez López, Tomás Rodríguez Novoa, Lourdes Cancela Matellano, Iván Ponte Longueira, Francisco Morales Rey, José Ramón Sandá Lorenzo, Dolores Fernández Couto, Sebastián Soto Rabina, Daniel Muñiz Torres, Manuel Paredes González e José Luis García Mendoza.
Nesta edición, a temática das fotografías versou sobre o patrimonio cultural, histórico, natural e paisaxístico do municipio. Á hora de escoller a ducia de instantáneas, o xurado tivo en conta a representatividade do patrimonio cultural da fotografía, a calidade técnica e a súa orixinalidade, tal como quedou explicitado nas bases do certame. As/os gañadoras/es recibirán como premio un libro ou libros de fotografía e desfrutarán dun acceso gratuíto por un ano aos Museos Científicos Coruñeses para dúas persoas, ademais de dez copias do almanaque, en que aparecerán publicadas as imaxes das que son autoras e autores.